Monday 06 de May de 2024

Unha performance de Antón Reixa pecha os actos de homenaxe a Manuel Facal


Dentro do programa de actividades conmemorativas do 80º aniversario do artista Manuel Facal, o venres 3 de novembro ás 20:30 horas no Espazo Casino 1889, celébrase o espectáculo multidisciplinar de música, vídeo e poesía que presenta en Carballo coa performance ConCerto DesconCerto. Tomará a palabra Miguel Anxo Fernán Vello, en nome da comisión organizadora, para dar a benvida ao público asistente e presentar ao poeta Antón Reixa. O acto é de entrada libre como todos os realizados e pecha a programación da Homenaxe a Manuel Facal deste ano 2023.

Antón Reixa. Vigo, 1957. É un dos maiores representantes da cultura galega contemporánea. Renovador da poesía desde os anos 70, destaca tamén como intérprete musical, produtor e creador en varias das linguaxes audiovisuais. Desde os anos 90 Reixa converteuse ademais en figura popular comparecendo a través dos medios televisivo e radiofónico.
Estudou Filoloxía Galega na USC e entrou en contacto coas vangardas literarias. En 1976 fundou, xunto con outros autores o Grupo de comunicación poética Rompente. A vertente literaria de Reixa iníciase, cando publica nese colectivo Silabario da turbina e dentro da editora do mesmo nome a obra individual As ladillas do travesti. Seguiron ata a actualidade numerosos títulos de poesía.
Nun breve período foi profesor de lingua e literatura galegas, mais abandonou o traballo docente para profesionalizarse nos eidos da música, da videocreación e do audiovisual, desenvolvendo diversos labores (director, guionista, produtor, etc.) e asinando algún dos maiores éxitos do sector no noso idioma. No ano 1982 fundou o grupo Os Resentidos que participou da movida viguesa colaborando con Siniestro Total. Realizou tamén incursións na radio e nos xornais como editor de páxinas culturais ou columnista. Foi presidente da Sociedad General de Autores de España.